Harry Potter e a pedra filosofal é a primeira novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo mago. O libro describe como Harry descobre que é mago e como comeza os seus estudos na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería á par que vai coñecendo o seu verdadeiro pasado agochado polos seus tíos e frustra un intento de volver do Señor Escuro, Lord Voldemort, o autor dos asasinatos dos seus pais e que intentara matar a Harry cando tiña un ano.
O libro saíu á venda o 30 de xuño de 1997 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de xaneiro de 2003 en Galicia pola Editorial Galaxia. No caso galego, a obra sufriu un atraso na súa publicación nesta versión debido a que a editorial galega non posuía os dereitos exclusivos sobre a obra como ocorreu no caso catalán, onde se publicaron as novelas á vez que nas linguas maioritarias da Península Ibérica. Deste xeito, Galaxia dependía das decisións da Editorial Salamandra, de aí o lapso de 3 anos entre a publicación da tradución castelá e galega. A tradución galega de Marilar Aleixandre recibiu ademais a axuda da Dirección Xeral de Promoción Cultural. A novela atinxiu os primeiros postos da lista do New York Times da ficción mellor vendida en agosto de 1999 e permaneceu aí durante 1999 e boa parte do ano 2000. Traduciuse a moitas outras linguas e fíxose unha versión cinematográfica da mesma.
Sinopse[]
- Harry Potter quedou orfo no momento mesmo do seu nacemento e vive cuns tíos e un curmán que non o tratan demasiado ben. Pero un día chégalle unha carta na que se lle anuncia o seu ingreso en Hogwarts, unha especialísima escola de maxia e artes secretas. A partir dese momento todo cambia na vida de Harry, que vivirá grandes aventuras en compañía dos seus amigos Hermione e Ron Weasley.